Martes 21 Mai 2013

Fala Lili

Soberanía e nacionalismo

O obxetivo do nacionalismo galego está moi pouco traballado. Se é simplesmente o de que Galicia acade ¨soberanía¨, poderíase acadar  talvez unha soberanía de papel, pero non se criaría unha nazón coherente, independente e con pulo, porque para iso hai que ter un proxecto de vida e unha visión da Galicia do futuro. Ese tipo de nacionalismo de reacción sen criación remata case sempre en divisións tribais e racistas e en loitas polo poder que levan ao atraso.

Un nacionalismo auténtico tería que facer plans e proxectos para potenciar Galicia. Tería que oferecer unha idea de como podería ser Galicia nese futuro que propón e nas tres dimensións necesarias para que haxa nazón: local, nacional e internacional. Conseguir independencia e mantela é difícil, a nivel individual e colectivo, e exixe esforzo e visión. Se non hai intención nengunha de cambiar o ensino, a economía, a política e a relación cós demais, e vai seguirse có sistema español de ensino e educación pero en galego, iso nunca vai facer unha nazón. Cambiarán os que manden no país e todo seguirá igual. Fracasará o intento de independenza porque non se saberá o que facer con ela.

Dogmas, debate e oposición

O debate político non pode consistir en que cada partido defenda as súas crenzas básicas. Ten que consistir en que se expoñan as razóns para facer ou non facer as cousas, partindo de que ninguén está en posesión de verdades absolutas e que o obxetivo é escrarecer e analisar as cuestións desde distintos pontos de vista para que se podan ver mellor por todos, e non só polos políticos.

O que crea cadaquén é o de menos: o que conta é o que emana do que se cré. Pensar que o que hai que definir e defender por riba de todo son as crenzas é facer da política unha relixión. Nun sistema democrático o papel da oposición ten que ser tan forte como o do goberno en canto a escrarecer, analisar e pensar no futuro. Á oposición correspóndelle analisar o que fai ou quer facer o goberno, expor as razóns que ten para oporse e contribuir a que todo o mundo poda entender e enxuizar a cuestión de que se trate. Sen iso estará colaborando có goberno en apresentar como debate democrático o que non é mais que unha batalla entre diferentes credos.

Na cuestión da soberanía de Galicia, o debate tería que ser entre os pros e os contras, as vantaxes que podería ter, os posíbeis riscos, como conseguir independencia económica e como facer un país que ofereza algo ao mundo, porque a soberanía de seu non garante nada diso. A disputa entre os que cren que coa soberanía se resolvería todo e os que nen queren nen pensalo porque non aceptan a idea é unha batalla entre dogmas e credos que non axuda para nada a Galicia.

 

Givers and takers

Os que dan e os que toman. Encontrar un equilibrio entre dar e tomar é tan esencial nas relacións entre persoas como nas relacións entre países. En Galicia habería que alentar a xenerosidade no trato cós outros. O discurso ¨culto¨ e autoritario cara é emigración foi sempre de takers, de que nos den, de vender o ¨favor¨ de mandar emigrantes a outros países para non ter que agradecer nada, de centralismo e despotismo frente ao extranxeiro e de falta de curiosidade, simpatía e empatía polos demais.

O sentir avarento que se cultivou en Galicia, e sobretudo no galeguismo, quita folgos ao país. Sen cultivar o lado de dar, Galicia non poderá acadar dimensión nacional e mundial. Galicia precisa ¨ter mundo¨. Escoitar o que din os emigrantes e interesarse polas suas experiencias axudaría a acadalo, pero no discurso galeguista non houbo nunca interés polos países aos que emigraron os galegos nen recoñecemento do que talvez se lles debía. Foi como negarlles a existencia. Non se admitiu que puidesen influir e que esa influencia puidese ser beneficiosa para Galicia. Esa actitude de taker non poderá facer unha Galicia desabafada e libertada.

As tres dimensións necesarias

Cultivar estas tres dimensións é necesario para todas as personas e todos os países. O proceso de ¨socialización¨, tanto individual como colectivo, consiste en abrirse ao mundo, entender a diferencia e apreciala. Sen iso é difícil que poda xurdir criatividade de nengun xeito, nen personal nen política nen social, porque o ¨local¨ sen as outras dimensións vira refuxio e cova da que non se quer sair por medo ao diferente, e iso leva a non aceptar o cambio e a evolución.

En Galicia semella haber mais que nada a dimensión local e familiar, sentida como competencia co veciño, non como amor polo propio. A falta de aprecio polo propio ven mesmamente da falta de aprecio polo alleo. Para ter amor criativo polo propio hai que aprender a apreciar o alleo e a non aspirar a impor o dun como se fose universal de seu, porque a universalidade non ven dada e hai que adquirila con esforzo e traballo.

Na política de Galicia, tanto no goberno como na oposición, tería que resaltar o cultivo desas tres dimensións. Todos os partidos deberan ter planes claros nese sentido, non como declaracións de fe e de crencias, senon como formulación política de pensamento orixinal e de visión de futuro.

Caciquismo

As personas, as sociedades e os países adiantan cando están dispostos a analizar a súa historia e a aprender dos erros. Non hai que temer o erro, senon entender que o erro é necesario. Sen errar e sen rectificar non pode haber criación; só pode haber imitación, repetición e estancamento. Oporse ao caciquismo e delatalo non val para nada se non se analizan as causas e as razóns de que exista. O caciquismo é o síntoma, non a doenza. O caciquismo foi denunciado moitas veces como un dos ¨males de España¨, igual que o foi a ¨empleomanía¨, pero seguirán existindo mentras existan as condicións de vida que os propician e os fan necesarios. Cando non é posíbel ter unha vida e un traballo decentes sen padriños que ¨coloquen¨, e cando non se respeita o traballo nen se cré que contribúa ao país, o caciquismo e o familismo son a única maneira de conseguir ¨colocación¨ e moita xente coida que están ben, que así debe ser, que a familia e os ¨amigos¨ miren polos seus. Para acabar co caciquismo hai que crear un país no que a ¨empleomanía¨ desapareza, no que haxa traballo para todos e no que sexa posíbel facer o traballo que atraiga e para o que se valga.

De abaixo para arriba

O patriarcado impera no mundo inteiro, a nivel familiar, local, nacional e internacional, e iso fai que todo esté organizado dun xeito autoritario, de arriba para abaixo e en beneficio dos que están no alto. Para saír do patriarcado habería que pensar e organizar todo de abaixo para arriba. Iso interpretouse case sempre como que había que lles dar o poder aos mais pobres ou ás clases sociais mais baixas, pero o problema é que os de abaixo imitan aos de arriba e no fondo os admiran e quererían ser como eles, igual que as mulleres imitan aos homes porque non hai mais modelo que o do que ten o poder. Actuar de abaixo para arriba tería que ser criar formas de vida e modelos que non sexan autoritarios, e para iso habería que pensar moito e tentar facelo desde fóra do sistema, pois todos estamos afeitos ao patriarcado e o autoritarismo parécenos tan natural que nen o vemos. A educación e o ensino, por exemplo, foron sempre entendidos como instrumentos de poder e organizáronse, ou só para os que estaban arriba, ou de arriba para abaixo. Cambialo traería unha mudanza radical na sociedade e, como iso, todo o demais. Se Galicia se propuxese desfacer o patriarcado en todas as súas formas, familiares, sociais, políticas e económicas, iría na dianteira do mundo, porque iso non se fixo nunca nen se está facendo en ningures.

Machismo e patriarcado

Téndese a confundir o machismo có patriarcado, pero o machismo é consecuencia do sistema patriarcal e non a súa base. O patriarcado é o sistema que, dende tempos inmemoriais, rexe a sociedade humana en todas as esferas, dende a familia até a política nacional e internacional. Implantouse coa axuda das igrexas e dos que invocaron as relixións, e afecta tanto aos homes como ás mulleres. Ás mulleres as abaixa e aprisioa, e aos homes os deforma e malogra.

O que fai o patriarcado é inserir a idea da superioridade e inferioridade natas, da xerarquía ¨natural¨ e dunha desigualdade de orixen divino querida polos deuses. Con iso fomenta a tiranía, o medo, a submisión, a inxusticia, a dependencia, a imitación, a repetición, o conformismo e a falta de intelixencia na organización da sociedade.

Ramón Piñeiro e a língua galega

Ramón Piñeiro centrou o galeguismo somente na língua galega porque non quería nacionalismo de nengun tipo. Os galeguistas e os nacionalistas galegos caíron na trampa e acabaron facendo da língua galega un fetiche. Esa actitude impediu centrarse en Galicia e impediu tamén entender a situación do idioma galego.

A desaparición gradual do galego non sucedeu por auto-odio. Esa desaparición sempre ocorre cando nun país, por razóns históricas, hai unha língua dominante que adquire prestixio e criatividade e outra anterior que vai ficando esquecida. Se non pasou igual có catalán non foi porque os cataláns fosen mais valentes ou mais amantes da sua língua, senon porque as circunstancias históricas do seu país propiciaron que o catalán seguise sendo a língua deles e o castelán a língua extranxeira.

A língua galega foi quedando sen vida porque Galicia esmoreceu. Pensar que con recuperar a língua abonda para que Galicia chegue a ser o que podería ser é unha fantasía que desvía enerxías e fai dano ao país.

A expulsión da diáspora

O partido político que se apresenta como o mais nacionalista galego foi o que abogou, dende moi cedo, polo voto pregado dos galegos que están fóra do país. Cando o BNG empezou esa campaña, xa antes de que o estado español adoptase a medida, era evidente que, amais de seguir a doutrina de Ramón Piñeiro sobre a emigración, pensaba que gañaría eleccións con mais facilidade sen o voto dos emigrantes. Agora adopta unha actitude de superioridade moral e afirma que non está disposto a ¨mercadear¨ cós votos.
A postura do BNG, posesiva e con ansia de pechar ao país fronte ao mundo, é moi patriarcal: ¨Galicia é dos que quedamos na casa paterna e os que marchan son treidores, malos fillos e merecen a expulsión¨.
Talvez algun día se entenda que os galegos de fóra non precisan permiso nen autorización de ninguén para seren e se sentiren  galegos, e que obrigalos a pregar o voto é sometelos a unha humillación que non teñen que aceptar. O de que os partidos que se consideran galegos sigan adoptando posturas de superioridade nata e no fondo elitistas con respeito aos emigrantes pasará á historia como un gran erro de sentimento e de visión

Inocentes e culpabéis na UE

Estáse apresentando o desastre económico da UE como se a culpa a tivesen alguns países que se administraron mal e estragaron o que doutro xeito debía ter saído ben. Nunca podía ter saído ben, porque, por razóns políticas, se tomaron decisións económicas que tiñan que levar por forza á catástrofe. Quitáronlle ás nacións a posibilidade de governar a súa economía, pero permitiuse que países mal administrados falsearan os datos económicos para que puidesen entrar na Unión ou seguir nela. E alentouse o consumismo desmandado baseado na débeda para dar a impresión dunha prosperidade que non existía.

Na catástrofe económica da Unión Europea non hai inocentes. Os políticos foron e son os grandes culpábeis.

Páxina 1 de 2